Máis de 50 empresas do Camiño Fisterra – Muxía acudirán ao evento “Un mar de grazas” en Santiago

peregrina camino de SantiagoEsta cita, organizada por Solpor, Asociación Camiño Santiago a Fisterra-Muxía, desenvolverase o venres 25 de outubro

“Un MAR de GRAZAS” é o nome do evento organizado por Solpor, Asociación Camiño Santiago a Fisterra-Muxía, e que se celebrará no serán do venres 25 de outubro, no Salón Real e na Capela do Hostal dos Reis Católicos.

Nel, o sector profesional dos concellos polos que atravesa esa ruta difundirá os seus recursos, nunha homenaxe moi especial á cidade de Santiago e máis aos prescriptores do destino.

Esta iniciativa, que forma parte do programa O Teu Xacobeo, impulsado dende a Xunta de Galicia, está levantando moita expectación e a ela xa se apuntaron máis de 150 asistentes.

Todos eles poderán coñecer as propostas de máis de 55 empresas e colectivos participantes, nun formato workshop que está especialmente pensado para os profesionais ligados aos camiños.

Entre os atractivos extra desta cita estarán a degustación de produtos da Costa da Morte e doutros concellos polos que pasa a ruta, o sorteo de estancias, música en directo e outras sorpresas.

Jesús Picallo, presidente de Solpor, salienta o espírito de colaboración co que nace Un MAR de GRAZAS: “Nel os visitantes poderán atoparse co sector turístico e de calidade do noso camiño. Trátase da fonte de traballo e de creación de emprego máis importante dos lugares polos que pasa”.

Sobre a Asociación Solpor

A Asociación Camiño do Solpor naceu no 2014 como a unión dos empresarios da contorna do Camiño Fisterra-Muxía que están vinculados, de calquera xeito, coa ruta. Así, nela entran albergues, hoteis, casas rurais, empresas de transporte, fisioterapia, provedores para a restauración…

Os seus obxectivos son promocionar este itinerario, mediar ante as administracións, loitar contra as malas prácticas, e, en xeral, mellorar a experiencia dos peregrinos que o escollen.

Dende entón levan posto en marcha numerosas accións, como a posta en marcha do portal https://www.caminodesolpor.gal/ ou o deseño dunha credencial deste vieiro e dun mapa cos lugares de interese da ruta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *