Ourense ensinou “O Camiño entre augas” na feira de turismo FITUR

Presentación de Turismo de Ourense en FITUR

“Auga, auga e auga” é a cerna da proposta turística da cidade de Ourense

“O Camiño entre augas” é o nome da proposta turística que amosou o Concello de Ourense no marco da Feira Internacional de Turismo Fitur, en Madrid

No evento tomaron parte o alcalde Gonzalo Pérez Jácome; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a concelleira de Turismo e Termalismo Flora Moure e maila actriz ourensá Cayetana Cabezas, quen, coas súas intervencións, guiou  a cita.

A empresa de organización de eventos Trevisani traballou en distintos aspectos desta presentación.

Declaracións durante a presentación

Gonzalo Pérez Jácome quixo repasar aspectos menos coñecidos da cidade, coma o seu papel como “segunda potencia termal de Europa”, un atractivo do que aproveitarse mesmo cando vai frío e chove; o seu Entroido, uno “dos tres máis importantes da Península”; e a celebración da segunda “Noite do Medo”  en Ourense, a máis grande de Galicia, unha “Noite da Santa Compaña” que se vai celebrar o 31 de outubro.

A calidade na preparación do polbo e o café e a espectacularidade e beleza no paso do Río Miño pola cidade, con catro pontes, foron outros dos atractivos que debullou o alcalde na súa intervención.

Nava Castro, respondendo a Cayetana Cabezas, salientou a potencialidade de Galicia e en particular da cidade de Ourense como destino termal, un turismo de calidade que desestacionaliza e achega valor engadido.

“A mensaxe coa que vén Turismo de Ourense a Fitur 2020 é clara: auga, auga e auga, a auga dos nosos ríos, a auga das nosas fontes e augas termais”, expuxo a concelleira de Turismo e Termalismo, Flora Moure, unha auga que axuda a “amosar a cidade de Ourense coma un destino distinto, como esa Capital Termal onde saciar a sede de vida e de experiencias”.

Moure detallou ademais as características da Vía da Prata e Camiño Mozárabe ao seu paso pola urbe e apuntou que se trata da cidade galega na que máis medrou o turismo no pasado 2019.

“É o momento de que a nosa mensaxe cale”, recalcou, ao tempo que convidaba a “mergullarse” en Ourense, a facer O Camiño entre augas.

Como apoio a “O Camiño entre augas”, en Fitur tamén se presentou o novo vídeo de promoción de Turismo de Ourense.

Público na presentación

Este evento xuntou máis de 100 convidados entre os que se atopaban divulgadores, xornalistas especializados e profesionais do sector que se mostraron moi interesados na proposta ourensá.

Trevisani, na presentación de “O Camiño entre augas”

Entre as distintas responsabilidades da empresa de congresos e eventos Trevisani, no marco desta presentación, estiveron:

  • Conceptualización
  • Produción
  • Contratación artística
  • Divulgación e confirmación de asistencias
  • Apoio en comunicación
  • Reforzo en protocolo e relacións públicas
  • Colaboración en deseño gráfico
  • Aplicación de imaxe en creatividades

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *